Eu levo unha pena

J. Castro

Eu levo unha pena

gardada no peito;

eu lévoa, e non sabe

ninguén por que a levo.

Orelas vizosas

do Miño sereno,

onde o paxariño

ten o seu espello,

i antre as margaridas

pacen os cordeiros,

vós soias sabedes

o meu sentimiento.

Cabo dunha pena

onde mana un rego,

á sombra dun pino

manso e xigantesco

que soberbo brama

cando o move o vento,

coma nun sepulcro

dorme o meu sacreto.

Mais, anque alí dorme,

vive en min desperto.

Eu levo unha pena

gardada no peito,

tamaña, tamaña,

bon Dios, que n'a rexo.

¡Quen me dera, orelas

do Miño sereno,

ser un daqués cómaros

que en vós tén asento!

Sin medo e sin penas,

de vran e de inverno

un sigro tras doutro

morara onde eu quero...

ca veiga por pazo

co espazo por teito.